Cruz Vermella lanza a campaña #MilManerasdeVoluntariado

Hoxe, 5 de decembro, é un día especial para a nosa Organización xa que se conmemora o Día Internacional do Voluntariado. Unha dos acenos de identidade de Cruz Vermella é o carácter voluntario e queremos agradecer e recoñecer o compromiso de todas as persoas voluntarias que colaboran connosco de forma solidaria e desinteresada.
En 2018 máis de 22.000 persoas realizan voluntariado con Cruz Vermella en Galicia participando nas distintas fases da posta en marcha e desenvolvemento dos proxectos e actividades das 40 oficinas locais que temos situadas en distintas localidades das comunidade autónoma. A nivel nacional, son 200.000 persoas as que fan labores de voluntariado na nosa Organización dedicando o seu tempo e esforzo en actividades solidarias para apoiar ás persoas que máis o necesitan.
O voluntariado contribúe á construción dunha cidadanía responsable e achega un valor incalculable na intervención con colectivos vulnerables. As actividades que, actualmente, necesitan máis voluntariado son a atención a persoas maiores, infancia e mocidade, así como a axuda ás persoas migrantes e refuxiadas.
Campaña nova
Na súa aposta pola innovación social, Cruz Vermella lanzou a campaña #MilManerasdeVoluntariado para dar a coñecer as distintas formas que hai de facer voluntariado na Organización, contando coas capacidades e coñecementos que teñen as persoas, para que axudar a quen máis o necesitan sexa cada vez máis sinxelo. Para iso, Cruz Vermella utiliza as ferramentas e plataformas dixitais que permiten conectarse, organizarse e colaborar máis facilmente.
Manu ensina o idioma a persoas refuxiadas, María apoia nas súas tarefas escolares a nenos e nenas en dificultades, Andrés proba aplicacións móbiles para persoas maiores ou con discapacidade, Lucía deseña proxectos de prevención de violencia de xénero, José Luque fai talleres de alfabetización dixital, Nati organiza actividades de lecer e tempo libre para mozos con discapacidade, Julián axuda ás familias para loitar contra a pobreza enerxética e Yenis defende os dereitos humanos difundindo en redes sociais iniciativas de Cruz Vermella.
Todas elas son persoas voluntarias que protagonizan a nova campaña #MilManerasdeVoluntariado e demostran cos seus testemuños que se queres axudar en Cruz Vermella agora é máis fácil, áxil e flexible, está ao alcance de todas as persoas e pódese colaborar de moitas maneiras, achegando o que mellor sabes facer, mesmo desde casa.
Hai moitas formas de facer voluntariado en Cruz Vermella e unha perfecta para cada persoa. A campaña #MilManerasdeVoluntariado conta cunha web propia para coñecer as historias e apuntarse ao voluntariado de Cruz Vermella: www.milmanerasdevoluntariado.org