Inaugúrase na Xunta a exposición dedicada a Cruz Vermella dentro do ciclo Olladas Inclusivas

Esta mañá inauguramos a exposición dedicada a Cruz Vermella que se enmarca dentro do ciclo “ Olladas inclusivas” promovido pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
Durante a presentación interviñeron a conselleira de Política Social, Fabiola García, a presidenta de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, que estiveron acompañados por representantes, compañeiros e compañeiras tanto da Xunta como de Cruz Vermella. A conselleira fixo fincapé na importancia desta exposición para dar máis visibilidade ao traballo que realiza día a día Cruz Vermella e valorou o feito de que a nosa organización aborde directamente a pé de campo os problemas das persoas. Ademais comentou que: “Cruz Vermella é un exemplo de loita polos dereitos de todas e todos, de constancia para construír unha sociedade mellor e de solidariedade”.
Nesta mostra de 42 imaxes recolleuse o máis representativo do que fai a nosa Institución para que as persoas que a visiten coñezan mellor nosa labor. A exposición está instalada en en o espazo da pirámide do edificio administrativo de San Caetano.
Proxectos
Cruz Vermella é unha organización humanitaria cuxa finalidade é estar preto das persoas que máis o necesitan. En Galicia estamos presentes en máis de 40 localidades e desenvolvemos unha gran variedade de proxectos, axustándonos ás necesidades da poboación de cada zona.
Atendemos e apoiamos a nenos e nenas, novas, persoas maiores, mulleres en situación de dificultade, persoas desempregadas, persoas afectadas pola pobreza, persoas sen fogar, persoas inmigrantes, persoas refuxiadas… Ademais, desenvolvemos actividades vinculadas a Emerxencias, Cooperación internacional, Saúde, Medio Ambiente ou Formación.
Colaboración coa Xunta
Cruz Vermella mantén unha estreita relación de colaboración coa Xunta de Galicia. Hai programas que levamos a cabo desde hai anos como o de Familias Acolledoras, o de atención a Persoas sen Fogar ou a prestación do servizo de Teleasistencia.
Ademais, sempre estamos a explorar outras vías de colaboración e xorde a aposta por novos proxectos, por exemplo o de Avós e Avoas Educadoras.