Cruz Vermella utiliza cookies para mejorar su navegación y ofrecer contenidos de interés. Al navegar entendemos que autoriza a Cruz Vermella a almacenar y acceder a las cookies.Pinche el siguiente enlace si desea información sobre el uso de cookies y como deshabilitarlas.
Más informaciónAceptar
Os farmacéuticos de Ourense colaboran con Cruz Vermella Xuventude - Cruz Vermella
Nun ano especialmente difícil, o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense manifestou recentemente a súa sensibilidade e solidariedade cun dos colectivos que para Cruz Vermella son unha prioridade: a infancia. E grazas a esta colaboración que aposta pola igualdade de oportunidades, máis de 300 nenos e nenas da provincia beneficiaranse de accións que contribúen a mellorar a cobertura das súas necesidades básicas e o acceso ás novas tecnoloxías.
En concreto, os farmacéuticos colaborarán con 2.500 euros no desenvolvemento da iniciativa “Merendas Saudables”, orientada a favorecer o correcto rendemento e crecemento de nenos e nenas pertencentes a familias en risco de exclusión social que participan nos proxectos de Cruz Vermella Xuventude.
A iniciativa complétase, ademais, con outra acción que conta coa implicación e o apoio da operadora de telecomunicacións R, coa que o Colexio Oficial de Farmacéuticos leva anos traballando estreitamente. O operador galego ten doado 175 tarxetas SIM con 20 xigas de datos cada unha delas, para nenos/as de entre 6 e 16 anos.
Felipe Ferreiro, presidente provincial de Cruz Vermella, expresa o seu máximo agradecemento ao Colexio de Farmacéuticos de Ourense, así como a R porque “esta colaboración contribúe a diminuír a fenda dixital que sofren as persoas en situación de vulnerabilidade coas que traballamos, e que este ano máis que nunca se puxo de manifesto especialmente no ámbito educativo. A infancia e o seu éxito escolar é a nosa prioridade como forma de romper a espiral de pobreza”.