Cruz Vermella utiliza cookies para mejorar su navegación y ofrecer contenidos de interés. Al navegar entendemos que autoriza a Cruz Vermella a almacenar y acceder a las cookies.Pinche el siguiente enlace si desea información sobre el uso de cookies y como deshabilitarlas.
Más informaciónAceptar
“Non sei que sería de min e da miña familia sen a axuda da Cruz Vermella” - Cruz Vermella
Elías e Alexandra son unha parella de refuxiados que, dende o pasado 24 de outubro de 2018, residen en Vilagarcía xunto cos seus dous fillos: Georgett Alexandra (de 14 anos) e Xosé Elías (de 12 anos). Tras vivir un verdadeiro calvario no seu país, Venezuela, atoparon a protección que tanto buscaban nesta localidade do Salnés, grazas á Cruz Vermella.
Explícannos como era a súa situación en Venezuela: “Vivimos toda a vida en Barquisimeto...”, comeza o seu relato Elías. “Ata que no ano 2011 mudámonos a Illa Margarita, onde pasamos seis anos.”
Foi entón cando por motivos políticos, ó manifestar unha ideoloxía diferente á do Goberno do país, comezaron a perseguilos. “Dicían que era polo sindicato. Buscamos protección na policía, pero só conseguimos aumentar a gravidade da situación. Tivemos que ir sempre dunha cidade a outra e escondernos en pequenas aldeas. Viviamos en lugares cerrados e os meus fillos non podían ir á escola. Nos colexios preguntaban polos meus fillos para perseguilos a eles tamén”.
Durante ese tempo, non puideron traballar e, pouco a pouco, na súa fuxida, van gastando os seus aforros. “Non tiñamos diñeiro para pagar a vacina”, relata Elías. “Pensaban que tiñamos moitos cartos e que nos podían pedir canto quixesen.”
A vacina é un tipo de extorsión en Venezuela, onde comerciantes, empresarios ou persoas con propiedades, entre outros, teñen que pagar ás mafias e ás bandas criminais unha considerable cantidade de diñeiro para evitar que ataquen os seus negocios e propiedades, e asasinen as súas familias.
Un dos momentos máis críticos na vida deste matrimonio produciuse cando ambos foron secuestrados. Elías e Alexandra atopábanse dentro dun local da súa propiedade que trataban de vender, cando os secuestradores entraron facéndose pasar por compradores. “Baixaron a cortina e comezaron a bater en nós”, conta Alexandra, á que lle deixaron unha ferida nun ollo. A Elías partíronlle a columna, ademais contusións.
Durante o tempo que estiveron fuxindo dos seus perseguidores, trataron de ir a Estados Unidos, pero pronto tiiveron que regresar a Barquisimeto debido á morte da irmá de Elías. As extorsións, as ameazas e as persecucións continuaron. Foi entón cando decidiron gastar tódolos seus aforros nuns billetes de avión para España. “Eliximos España porque hai protección, porque é un país no que penso que se cumpre a lei, porque é onde non me sinto en perigo, e polo idioma”, di Elías.
Chegaron ó aeroporto de Madrid o venres 12 de outubro de 2018, onde solicitaron a Protección Internacional Humanitaria e onde se produciu o primeiro contacto con Cruz Vermella. Terían que pasar case unha semana no aeroporto ata que os trasladaron a un centro de acollida. Despois de recibir a tarxeta vermella e pasar unha entrevista cunha traballadora social, comunicáronlles que había unha praza libre no Centro de Refuxiados de Cruz Vermella en Vilagarcía, programa que se desenvolve a través do sistema estatal de acollida e integración, coordinado actualmente por o Ministerio Traballo, Migracións e Seguridade Social (MITRAMISS). O 24 de outubro chegaron ó centro.
“Dende Cruz Vermella axudáronnos a inscribir ós nenos no colexio, a ir ó centro de saúde e ofrecéronnos cursos formativos”, relatan. Non tardaron en conseguir o permiso de traballo, grazas ó cal el estivo como vendedor durante a campaña do Sorteo do Ouro de Cruz Vermella, ademais da hostalería; do mesmo xeito que a súa muller, que estivo como camareira.
Dende o pasado mes de abril, atópanse xa vivindo sós nun piso de aluguer, como resultado da segunda fase do Programa de Refuxiados de Cruz Vermella. Nestes meses, a vida desta familia deu un xiro de 180 grados. “Agora os meus fillos teñen amigos e poden ir sós pola rúa, sen medo”. As ganas e a ilusión dunha nova vida reflíctese nos seus rostros. “Non sei que sería de min e da miña familia sen a axuda de Cruz Vermella. Débolle moito a Cruz Vermella”, conclúe Elías.