Cruz Vermella utiliza cookies para mejorar su navegación y ofrecer contenidos de interés. Al navegar entendemos que autoriza a Cruz Vermella a almacenar y acceder a las cookies.Pinche el siguiente enlace si desea información sobre el uso de cookies y como deshabilitarlas.
Más informaciónAceptar
Onte celebrouse o Día Internacional das Persoas de Idade. Para conmemorar esta xornada, a Cruz Vermella en Vigo organizou unha mesa redonda, titulada “Maiores e participación social”, na que as persoas voluntarias maiores de 65 anos compartiron a súa experiencia no proceso de envellecemento e como decidiron participar activamente na sociedade dedicando tempo ós demais. Finola, Antonio e Luz foron os protagonistas deste evento. Cada un expresou o seu punto de vista e animaron ós asistentes a manterse activo nesta etapa da vida.
Luz era profesora de inglés. Fai cinco anos que comezou como voluntaria en Cruz Vermella. Actualmente, está no programa de Refuxiados dando clases de español e acompañando a estas persoas a facer xestións ou a buscar un piso. Durante a conferencia explicou que se dedica a facer actividades culturais e sociais na cidade de Vigo, a ir a clases de ioga e a andainas e a estudar portugués na Escola Oficial de Idiomas. “Fun profesora, pero encántame ser alumna”, conta. “Na Cruz Vermella estou moi a gusto. É unha gran familia”.
Pola súa parte, Finola era psicóloga. Traballou con persoas con diversidade funcional. A súa experiencia como voluntaria comezou na Asociación Sen Ánimo de Lucro Faranxa, axudando a mulleres prostituídas. En Cruz Vermella está como voluntaria no programa de Crisis, facendo acollidas. “Na casa non se fai nada. Hai que axudar onde sexa necesario”, sentencia.
Antonio traballou nunha empresa de envases metálicos ocupando diferentes postos. Chegou a Cruz Vermella hai un ano e medio, por recomendación dun amigo. Colabora no programa de Emprego, facendo acollidas e impartindo clases. A súa experiencia como voluntario ven de lonxe. Estivo nunha ONG preparando e facilitando comida para persoas necesitadas. “Foi unha experiencia moi enriquecedora. Faste consciente das dificultades que atravesa o mundo e que ocorren o teu lado. Faite sentir máis preto do mundo”. A través dunha das súas paixóns, a papiroflexia, entrou en contacto co Programa de Maiores da Universidade de Vigo e, por medio deste, desenvolveu voluntariado no cárcere da Lama. “Sinto que facer voluntariado é unha compensación coa sociedade, unha débeda. Axudo e aquí atópome moi cómodo e a xente trátame estupendamente”. Ademais de facer voluntariado, Antonio estuda música na Escola Municipal de Artes e Oficios. Recibe clases de zanfona.
Unha vez rematadas as intervencións de Luz, Finola e Antonio, as persoas asistentes puideron intervir para compartir as súas experiencia e explicar como distribúen o seu tempo. Puri conta que aproveita os seus ratos libres para facer andainas e que acode ós talleres de informática e Mente Activa de Cruz Vermella. Outra persoa é voluntaria na Asociación Española Contra o Cancro; e outro asistente manifesta que “todo o que nos emociona fainos sentir ben. O noso cerebro necesita emocións. Hai que emocionarse moito.”
Esta charla englóbase dentro dos programas que Cruz Vermella desenvolve para mellorar a calidade de vida das persoas maiores no seu proceso de envellecemento, restaurando as conexións sociais e mellorando o benestar social.