As 10 cousas que tes que saber sobre o DESA
- Emerxencias
- Formación
- Cruz Vermella A Coruña
- Cruz Vermella Arzúa
- Cruz Vermella Betanzos
- Cruz Vermella Boiro
- Cruz Vermella Carballo
- Cruz Vermella Cedeira
- Cruz Vermella Ferrol
- Cruz Vermella Laxe
- Cruz Vermella Malpica
- Cruz Vermella Noia
- Cruz Vermella Ordes
- Cruz Vermella Ribeira
- Cruz Vermella Sada
- Cruz Vermella Santiago
- Cruz Vermella Terra de Soneira

En España prodúcense cada ano 40 mortes súbitas por cada 100.000 habitantes, das que entre 29 e 34 teñen lugar fora dos hospitais. No caso de Galicia, a cifra sitúase en 28,46 por cada 100.000 habitantes, segundo datos do 061.
Ante estas situación, manter a calma, saber reaccionar e coñecer os pasos que debemos seguir pode ser fundamental para salvar a vida das vítimas. Pero, ademais, un bo coñecemento sobre a cadea de supervivencia ou a utilización dos desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) pode marcar a diferenza. Preguntamos sobre este tema a Diego López Rey, director de socorros e emerxencias na provincia da Coruña e docente dos nosos cursos de manexo do DESA. Facemos un repaso sobre estes dispositivos e como e cando utilizalos?
- Que son. Os desfibriladores externos semiautomáticos, máis coñecidos comunmente como DESA, son uns aparellos que producen descargas eléctricas e que permiten reverter un ritmo do corazón que non funciona ben para que volva latexar da maneira correcta.
- Cando usalos. Recoméndase a súa utilización en casos nos que se detecte que a vítima se atopa en parada cardiorrespiratoria, é dicir, que estea inconsciente e non respire.
- Como usalos. O seu manexo é moi sinxelo! Os DESA soamente dispoñen de dous botóns, un de encendido e outro de apagado, aos que se une o de descarga. Para utilizalo, o aparello indícanos en todo momento os pasos para seguir.
- Pasos a seguir en caso de emerxencia. A utilización do DESA é un elo máis dentro da cadea de supervivencia, na que non debemos esquecernos ningún paso: (1) a alerta, é dicir, dar parte aos servizos de emerxencia sobre a situación; (2) a realización dunha reanimación cardiopulmonar; (3) utilización do DESA, e (4) o soporte vital avanzado utilizando unha UVI medicalizada. Só a unión de todos eles garantirá o éxito da acción!
- Sempre acompañado da reanimación cardiopulmonar. O DESA, por si só, non é tan efectivo. É necesario acompañalo dunhas compresións e ventilacións adecuadas. É dicir, debe de ir acompañado dunha reanimación cardiopulmonar coa que mobilizaremos o sangue de maneira manual por medio de compresións no centro do peito.
- Os tempos son fundamentais! Aínda que existen algunhas excepcións, como nos nenos, as persoas que sofren ahogamiento e os casos de hipotermia, sabías que a maior taxa de supervivencia prodúcese cando se empeza a tratar á vítima antes de 4 minutos?
- Maior formación = maior supervivencia. Nunha situación de emerxencia, canto antes se teña acceso e a persoa estea mellor adestrada para a utilización do DESA e do soporte vital básico, haberá unha maior taxa de supervivencia das vítimas que sofren unha parada cardiorrespiratoria.
- Normativa. En Galicia, a regulación da utilización do DESA por persoal non médico comezou en outubro do ano 2000. En liñas xerais, e aínda que en principio poden ser utilizados por calquera persoa en situacións de emerxencia, a normativa autonómica esixe dispoñer dun curso de formación de 8 horas de operador de DESA, cunha reciclaxe anual de 4 horas; non é necesario ter formación previa.
- Formación. Cruz Vermella desenvolve periodicamente cursos oficiais de manexo e reciclaxe do DESA en distintas localidades da comunidade galega; a información sobre os cursos está dispoñible na web www.formacion.cruzvermella.org.
- Espazos cardioprotegidos. Na actualidade non é obrigatoria a súa presenza pero si é recomendable en espazos públicos, sobre todo nos que se produzan grandes concentracións de xente. Así, os chamados “espazos cardioprotegidos” están a empezarse a implantar en lugares como os concellos, as piscinas municipais, os colexios ou os estadios de fútbol. No caso de Riazor, por exemplo, o campo dispón de seis DESA a disposición do persoal de Cruz Vermella que presta servizo durante os partidos; tamén as sedes de Cruz Vermella na Coruña e Santiago e o seu Centro de Formación en Lonzas (A Coruña) son espazos cardioprotegidos.
Texto: Leticia Martínez
Foto: Rocío Ovalle