Cruz Vermella utiliza cookies para mejorar su navegación y ofrecer contenidos de interés. Al navegar entendemos que autoriza a Cruz Vermella a almacenar y acceder a las cookies.Pinche el siguiente enlace si desea información sobre el uso de cookies y como deshabilitarlas.
Más informaciónAceptar
Buscas emprego? En Ourense comezan seis novos cursos de formación profesional - Cruz Vermella
O Plan de Emprego de Cruz Vermella é unha ponte entre as persoas vulnerables e o mercado laboral. Na súa aposta polo talento das persoas, Cruz Vermella traballa para romper estereotipos e prexuízos asociados á idade, o xénero, a orixe ou a cultura, que poden supoñer barreiras no acceso ao emprego de moitas persoas. Para iso, Cruz Vermella organiza cursos de capacitación profesional que ofrecen formación teórica que se complementa con con prácticas non laborais en empresas colaboradoras.
Nestes momentos está a realizarse a selección de alumnado para os cursos de “Auxiliar de produtos frescos” e “Caixa e reposición”, que se enmarcan nos proxectos Itinerarios Integrais para persoas de Difícil Inserción e Itinerarios Integrais Intensificados para persoas de moi baixa empreabilidade, financiados polo Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Inclusión Social e da Economía Social ( POISES), e polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social no caso do proxecto de Difícil inserción.
Igualmente selecciónase alumnado para os cursos de "Operacións básicas de restaurante e bar" e “Actividades de venda”, que se celebrarán en horario de luns a venres de 9 a 14 horas. Neste caso os cursos son para persoas menores de 30 anos inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil, dentro do proxecto Segundas oportunidades para a formación e a aprendizaxe conta co apoio do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e o Fondo Social Europeo, a través do ( POEJ), Programa Operativo de Emprego Xuvenil, e tamén do POISES no caso do curso de hostalería.
Ademais, no mes de febreiro comezará o curso de “Axudante de cociña”, no marco do proxecto Incorpora de Obra Social “a Caixa”. A través do programa Incorpora, Cruz Vermella en Ourense traballa con mulleres en risco de exclusión social, fundamentalmente maiores de 45 anos, vítimas de violencia de xénero, mulleres con responsabilidades familiares non compartidas, traballadoras da economía informal e inmigrantes.
No Barco de Valdeorras celebrarase un curso de “Caixa e reposición” a partir do 20 de febreiro. Unha formación de capacitación do proxecto Difícil Inserción, financiado polo Programa Operativo de Inclusión Social e da Economía Social ( POISES), e polo Ministerio de Emprego e Seguridade.
As mulleres seguen sendo o grupo con máis dificultades para acceder ao mercado laboral, seguido das persoas migrantes e refuxiadas, os mozos sen cualificación e as persoas desempregadas con máis de 45 anos. A mellora das súas competencias e formación aumenta as súas posibilidades de acceder a un emprego.
As actuacións do Plan de Emprego de Cruz Vermella desde a súa posta en marcha no ano 2000 están dirixidas a apoiar o emprego de quen o ten máis difícil, desde a orientación á procura de traballo ata a propia inserción laboral, pasando por accións formativas e prácticas profesionais que permitan traballar nun sector determinado.