Exposición: mozos de Sada, Cambre e A Coruña descobren como afectou o tifón Haiyan a Filipinas

O 8 de novembro de 2013, o super tifón Haiyan (Yolanda) azoutou Filipinas deixando graves danos ao seu paso. Considerado un dos peores tifóns que afectou a rexión, Haiyan deixou un balance de máis de 16 millóns de persoas afectadas, 6.300 falecidos e máis dun millón de casas danadas. A operación do Movemento Internacional da Cruz Vermella como resposta ao paso do tifón foi a maior da súa historia despois da do terremoto de Haití, o que evidencia a magnitude dos efectos deste desastre.
Esta realidade afastada, na que aínda se encontran os cidadáns filipinos, é a que unha nova exposición de Cruz Vermella achega aos mozos coruñeses de diferentes centros educativos ata o 30 de abril. "Cartas dende Filipinas: volvendo a empezar" é o título desta exposición que poden visitar os alumnos do Colexio Mosteirón de Sada (do 17 ao 21 de abril), do IES David Buján de Cambre (do 22 ao 28) e do Centro Calvo Sotelo da Coruña (do 28 ao 30).
Os estudantes do IES Isaac Díaz Pardo de Sada xa puideron disfrutar da mostra, á que os alumnos se achegaron con gran curiosidade. "Tanto a alumnos como a profesores lles chamou moito a atención o kit de construción con cravos, martelos e ata un machete, iso si, sen fío. Cando pensamos nunha emerxencia pensamos en kits de hixiene ou de alimentación, pero non nos de construción, algo moi necesario," explica Juan Redondo, director provincial de cooperación.
O motivo de levar esta exposición aos centros educativos é porque "traballar con mozos, sobre todo na etapa educativa da ESO, fomenta a solidariedade; os rapaces e rapazas descobren que Filipinas non está lonxe, que eles sofren e senten igual que nós. É unha etapa na que transmitimos valores que poden trasladar á súa vida", segundo explica o director.
Experiencias dende o terreo
A exposición fai un percorrido pola actuación de Cruz Vermella Española en Filipinas. A través da visión dun Delegado desta Organización que estivo no terreo no momento no que aconteceu a catástrofe, os mozos poderán descubrir como se desenvolveu cada unha das fases da intervención, dende a emerxencia ata o desenvolvemento. A exposición está composta por unha reprodución a escala dunha das vivendas construídas, unha exposición fotográfica e os materiais de axuda humanitaria que se enviaron ao país, tales como kits de hixiene, de cociña, de construción e de albergue.
Ademais, realizaranse varias charlas para complementar a visión dos estudantes con testemuños como o de María Cadahía, voluntaria de Cooperación na Coruña que en 2007 vivó un ano e medio en Filipinas. "Durante unha tempada, vivín como vivían eles, nunha casa de bambú sen auga corrente e con cortes de luz frecuentes. Vivía nunha das zonas máis afectadas polo tifón Haiyan e, aínda que entón eu xa non estaba alí, puiden comprobar como quedou a zona por uns amigos que o sufriron e lograron sobrevivir", detalla. As fotos do antes e do despois é un dos elementos que mostrará aos estudantes na súa charla.
María é Máster en cambio climático e desenvolvemento internacional e coñece de preto como inflúen as cuestións ambientais na vida das persoas. Durante o seu voluntariado en Filipinas, puxo en marcha un proxecto para monitorizar como a explotación mineira estaba a afectar á auga, ao desenvolvemento das comunidades e ao traballo infantil, entre outras cuestións.
A estabilidade convértese nun gran reto para un país que sofre unha media de 20 tifóns ao ano. "Normalmente son de moita menor intensidade que Haiyan. Con internet os sistemas de alerta e evacuación melloraron moito, pero aínda así é complicado, especialmente porque a poboación está moi envellecida. O poder económico das persoas marca a diferenza nas posibilidades de evacuar a zona con rapidez e seguridade", completa. Por este motivo, a tarefa que actualmente desenvolve Cruz Vermella para fortalecer a sociedade civil e preparala para actuar ante novos desastres é fundamental.
A Coruña con Filipinas
A sociedade coruñesa tamén xogou un papel importante na recuperación da poboación filipina. A asemblea de Cruz Vermella na Coruña contou cunha subvención por valor de 10.000 € da Deputación da Coruña; é un dos 18 organismos públicos e privados de todo o país que achegaron fondos a un proxecto que se desenvolveu nas illas de Panay e Leyte entre xaneiro e agosto de 2014.
Grazas a este proxecto, 9.000 persoas recibiron kits de hixiene -compostos por cepillos de dentes, pasta de dentes, xampú, xabón, papel hixiénico e compresas, entre outros-, ademais de 4.000 bidóns de auga que se entregaron ás familias afectadas, e formouse 268 voluntarios comunitarios en prevención de enfermidades e promoción de hixiene. Estas accións cobraron especial relevancia para chegar ás zonas menos accesibles e constituíron o achegamento inicial a novas comunidades de cara á súa intervención inegral a medio prazo.
Foto: Miguel Domingo/ CRE