O Plan de Emprego de Cruz Vermella en Santiago, unha porta aberta cara a novas oportunidades laborais

Os últimos datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sitúan a taxa de paro na provincia da Coruña, en decembro de 2018, no 10,7%. Traballar para mellorar as posibilidades de acceso a un emprego das persoas que se atopan máis afastadas do mercado laboral é un dos obxectivos do Plan de Emprego de Cruz Vermella, que comezou a súa andaina no ano 2000. Desde a súa posta en marcha, foron moitos os homes e as mulleres que accederon a el e que se viron apoiadas no reforzo de capacidades específicas para o acceso ao mercado laboral ou no desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción.
Co obxectivo de dar a coñecer todos os detalles sobre como funciona o proxecto, que é un itinerario personalizado de inserción ou como se realizan as prácticas profesionais, entre outros aspectos, o centro ABANCA Obra Social de Santiago de Compostela foi o escenario escollido para a presentación do Plan de Emprego para o ano 2019 na cidade. Baixo o título “Emprégate + “ o acto estivo presentado por Marcos Regueira, responsable de Oschestra no Centro Comercial As Cancelas, e dividido en dous partes tivo como obxectivo ofrecer unha completa visión do proxecto ás máis de 70 persoas que se deron cita en Santiago de Compostela.
En primeiro lugar, foron as profesionais do equipo de Cruz Vermella as encargadas de desagregar, un a un, os diferentes proxectos que forman parte do Plan e que están dirixidos a maiores de 45 anos, a mulleres, a persoas inmigrantes ou a mozos e mozas, entre outros. A través de palabras como inclusión, poder ou futuro deron as pautas sobre os perfís que encaixan en cada un deles, a importancia das tecnoloxías da información e a comunicación na procura de emprego ou de que maneira trabállase no proxecto. Ademais, aproveitaron a ocasión para resolver de maneira directa algunhas das dúbidas máis inmediatas das persoas asistentes ao acto. “Nós ofrecemos un apoio directo ás participantes do Plan de Emprego pero tamén é necesario o compromiso, a implicación e o empeño de todas as persoas que deciden participar nel. Trátase dun traballo conxunto”, destacaban durante a súa exposición. En segundo lugar, no evento celebráronse dúas mesas redondas que contaron coa presenza de empresas referentes dalgúns dos sectores que colaboran co proxecto en Santiago de Compostela e de tres das participantes do pasado ano.
As alianzas con empresas, claves para o desenvolvemento do Plan de Emprego
Unha das liñas de actuación que é clave para poder levar a cabo este proxecto son as alianzas con empresas e administracións que permiten crear oportunidades reais de acceso ao emprego. Por este motivo, da man de Víctor Cabal, Quality & RSE Manager de Hoteis Oca; Alberto Rodríguez, xerente de Limpezas Salgado; Fernando García Novo, xerente da Fundación Laboral da Construción en Galicia; e Álvaro Segura, responsable de Recursos Humanos de Carrefour en Santiago de Compostela, debateuse acerca da importancia de reciclarse e buscar novos camiños laborais e de promover a diversidade como valor nas empresas para xerar igualdade de oportunidades no emprego, entre outros aspectos. Ademais, todos eles aproveitaron a ocasión para destacar a importancia da aptitude e a motivación de cara a un posto de traballo como calidades moi importantes a desvelar nunha entrevista laboral.
Experiencias en primeira persoa
Carolina, Enrique e Clementina son tres das 350 persoas que participaron no proxecto o pasado ano na Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Santiago de Compostela e foron as encargadas de contar a súa experiencia ás persoas que se achegaron ao centro ABANCA Obra Social. “Foi unha experiencia moi enriquecedora e que me permitiu, ademais, mellorar a miña rede de contactos. No Plan de Emprego axudáronme a adaptar o meu cv aos requisitos de España ou a elaborar unha carta de recomendación, que en Venezuela non son necesarias. Pero, ademais, participei no curso de auxiliar de comercio, con formación e prácticas, que me permitiu abrirme novos camiños profesionais aquí”, sinalaba Carolina Vidal. Pola súa banda, Enrique Lluch, participante no curso de Caixa e reposición, engadía que “nas prácticas ves a realidade porque tes a oportunidade de traballar con persoas que estiveron antes que ti na mesma situación e que obtiveron un contrato, así que motiva moito. A verdade é que a experiencia foi xenial”.
O peche do evento estivo a cargo de José Luis Barreiro, presidente da Asemblea de Cruz Vermella en Santiago de Compostela, quen aproveitou a oportunidade para agradecer ás empresas a súa colaboración co Plan de Emprego e poñer en valor o “fantástico traballo que realizan as profesionais do proxecto porque grazas á súa implicación, e a dos participantes, estamos a conseguir grandes resultados”.
*O Plan de Emprego de Cruz Vermella Española conta co apoio, para o período 2016-2019, do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e do Fondo Social Europeo a través do POISES, Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, e do POEJ, Programa Operativo de Emprego Xuvenil.
Fotografía: José Vittori Bua