Cruz Vermella utiliza cookies para mejorar su navegación y ofrecer contenidos de interés. Al navegar entendemos que autoriza a Cruz Vermella a almacenar y acceder a las cookies.Pinche el siguiente enlace si desea información sobre el uso de cookies y como deshabilitarlas.
Más informaciónAceptar
A Cruz Vermella en Vigo rende unha homenaxe a Rosalía de Castro - Cruz Vermella
O Día de Rosalía celébrase cada 24 de febreiro, coincidindo coa efeméride do seu nacemento, fai 183 anos. Os nosos maiores da Asemblea Comarcal de Vigo quixeron render a súa particular homenaxe á muller máis relevante da literatura galega facendo unha ruta polos recunchos máis significativos do Casco Vello de Vigo que marcaron a vida e a obra da autora. As nosas voluntarias, Aurora e Rosa, e a técnico do programa, Mª Asunción Canal, acompañáronos en todo momento e contáronlles anécdotas da poetisa.
“Parécenos unha actividade estupenda, senón non estariamos aquí. Gústanos aprender cousas novas”, comentounos unha das participantes antes de comezar.
O bo tempo que reinaba onte a tarde na cidade olívica animou ós participantes nos programas de maiores (especialmente ós que acoden normalmente ó proxecto Enrédate, a pesares de que tamén había participantes doutros talleres como de memoria) a unirse a esta ruta literaria que partiu da sede da Cruz Vermella na rúa Teófilo Llorente , número 8, e que a continuación se dirixiu ata a Praza do Berbés, onde tivo lugar a primeira parada.
Para este paseo tan especial, a nosa voluntaria Rosa converteuse durante unhas horas en Rosalía de Castro, vestíndose de época e recitando durante o traxecto algúns dos seus versos máis coñecidos. Entre eles, leu un fragmento de “Lieders”, considerado o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia en 1858. “Cando me explicaron a idea desta actividade pareceume xenial e aceptei encantada”, explicounos Rosa. “Que me teño que disfrazar de Rosalía? Pois disfrázome! Que teño que recitar poemas? Pois recítoos. Non hai problema, o que sexa necesario”.
Pero esta non foi a única sorpresa da tarde, pois a técnico Mª asunción non dubidou en disfrazarse de Emilia Chao, esposa de Xoán Compañel, para explicar a relación desta familia con Rosalía de Castro.
A ruta seguiu por outros lugares especialmente relevantes. Polas rúas do barrio histórico, Rosalía empapouse dos cantares populares que posteriormente plasmou nos seus poemas. Na rúa Real, os nosos maiores puideron deterse ante a antiga imprenta de Xoán Compañel, na que se imprimiu por primeira vez “Cantares Gallegos”, o 17 de maio de 1863. A mirada dos nosos maiores iluminouse ante un lugar con tanta historia, que moitos descoñecían que estivera tan preto.
“Unha parte da historia que nos contaron si que a coñecía, pero hai moitos datos dos que non tiña nin idea”, reflexionou unha das participantes. “A nós na escola non nos explicaban nada de Rosalía, en parte porque estaba prohibido. Coñecíamos algúns dos seus poema, pero sempre é moi interesante poder coñecer con máis detalle a súa historia, que por riba, temos tan preto”.
Este recoñecemento rematou coa lectura de varios poemas que os nosos maiores coñecían moi ben e que non dubidaron en recitar, como “Negra sombra” ou “Miña casiña, meu lar”. Pero sobre todo, rematou coa idea clara de que Rosalía de Castro foi unha muller forte, con carácter, que loitou e reivindicou diferentes aspectos da súa época, que van dende unha profunda reflexión sobre a emigración ata o papel da muller e o uso do galego.
O programa de persoas maiores que a Cruz Vermella desenvolve en Vigo inclúe diferentes proxectos como “Rede social para persoas maiores: Enrédate”, “Promoción do envellecemento saudábel: saúde constante” ou “Atención a persoas con funcións cognitivas deterioradas”, entre outros. Todas estas actividades están financiadas pola Xunta de Galicia, a través do IRPF. Ó longo do ano pasado, a Cruz Vermella atendeu en Vigo a 1.805 persoas e contou coa participación de 75 voluntarios que o fixeron posible.