Cruz Vermella utiliza cookies para mejorar su navegación y ofrecer contenidos de interés. Al navegar entendemos que autoriza a Cruz Vermella a almacenar y acceder a las cookies.Pinche el siguiente enlace si desea información sobre el uso de cookies y como deshabilitarlas.
Más informaciónAceptar
434 persoas participaron no proxecto “O Teu Xacobeo”, o noso camiño con Cruz Vermella” - Cruz Vermella
“Nunca fixera unha etapa do Camiño e resultoume moi atractiva. Penso que vou facer o Camiño completo”. Un dos participantes no programa “O Teu Xacobeo” conta así a súa experiencia. En total, foron 434 as persoas que non quixeron perder a oportunidade de vivir a sensación de ser peregrinos por un día. Grupos de infancia, xuventude, maiores, inmigrantes, refuxiados e voluntariado chegados de tódalas Asembleas Comarcais e Locais de Cruz Vermella na provincia de Pontevedra (Baixo Miño, O Condado, O Salnés, Redondela, Tabeirós-Terra de Montes, Vigo e Pontevedra) realizaron pequenos tramos do Camiño de Santiago entre o 13 de setembro e o 8 de outubro.
Os menores fixeron a etapa entre Poio e Armenteira, unha conexión entre o Camiño Portugués e a Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla. Converxe coa Ruta da Pedra e da Auga, considerada de interese turística polos seus muíños perfectamente restaurados e a beleza do entorno natural que a cativada puido desfrutar. “Da gusto respirar aire fresco e saír da cidade”, di un pequeno de sete anos. ”Gústame moito estar aquí. Divertímonos. Facemos xogos e é moi bonito”, indica outra nena. Outro dos seus compañeiros engade: “A experiencia do camiño gustoume moito”.
A mocidade realizou o tramo entre a histórica vila de Baiona e A Ramallosa, onde se atopa unha ponte romana con diversas simboloxías. O entretemento estivo todo o tempo presente durante a ruta. Pola súa parte, os maiores foron dende Padrón ata A Escravitude, onde puideron admirar estes lugares que destacan polo seu alto valor cultural e patrimonial. "Isto tómomo como un reto de superación, pois dende xuño teño unha prótese no xeonllo", conta unha das usuarias.
As outras dúas rutas que se levaron a cabo foron entre Vigo e Redondela e entre Pontevedra e Caldas de Reis. Nestes casos, programáronse etapas completas do Camiño (sobre 20 km, aproximadamente) para todos aqueles que quixeran e se visen preparados fisicamente. Nunha destas etapas, unha das usuarias dos programas da Cruz Vermella destacaba: “A Cruz Vermella fai unha labor impresionante pola integración. Estou moi agradecida por eso.”
Precisamente, este era un dos obxectivos deste programa: fomentar a inclusión e a participación activa de tódolos colectivos que atende a Cruz Vermella, potenciando o valor do Camiño de Santiago como unha oportunidade de participación social que promovera o patrimonio cultural de Galicia e implicase ó maior número de poboación galega, xerando un sentimento de orgullo e pertenza a nosa comunidade.
“Considero que este proxecto é unha forma excelente de dar a coñecer o Camiño de Santiago e todo o que o rodea, porque, desgraciadamente, moita xente galega non o coñece”, explica Laura, técnico do programa da Cruz Vermella “O Teu Xacobeo”.
“Penso que a experiencia do Camiño é moi positiva”, indica Sandra, unha das voluntarias de Cruz Vermella Xuventude que acompañou os menores durante a ruta. “Explicámoslles ós nenos e nenas un pouquiño da historia do Camiño de Santiago e quedaron un pouco impresionados”, engade.
Este programa, que foi impulsado pola Xunta de Galicia a través do proxecto para a dinamización do Xacobeo 21 “O Teu Xacobeo”, foi todo un éxito. Como unha pequena mostra do que foi, agora pódese desfrutar dunha exposición fotográfica que recolle algúns dos mellores momentos vividos no Camiño, ó tempo que se explica en que consistiu o proxecto. A exposición irá rotando polas diferentes Asembleas de Cruz Vermella da provincia de Pontevedra. Ademais, tamén se pode ver un vídeo gravado durante algunhas das xornadas nas que se realizaron as rutas e que consegue transmitir tódalas sensación e emocións vividas eses días.