Familias acolledoras - Cruz Vermella

Cruz Vermella

Web oficial da Cruz Vermella Española en Galicia

Familias acolledoras

Os nenos e nenas

Todos os nenos e nenas teñen dereito a vivir e medrar en familia por iso, cando dende os Servizos de Protección de Menores se detecta unha situación socio familiar que provoca que un menor non poida ser atendido axeitadamente pola súa familia, os equipos profesionais da Xunta de Galicia traballan co obxectivo de atopar unha alternativa que propicie a axeitada atención das necesidades básicas do neno ou a nena. De todas as solucións, sempre se vai procurar a que máis beneficie ao menor que, coa súa propia historia persoal e familiar, terá unha situación única e especial.

As familias

As familias de acollida, son persoas de moi diferentes condicións (solteiras, casadas, con ou sen fillos…) que lles ofrecen o seu fogar e que lles dan os coidados, a seguridade e a educación que precisan.

O programa

O programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, que xestiona Cruz Vermella dende o ano 1995, como entidade colaboradora dos poderes públicos no ámbito de protección á infancia, desenvólvese nas catro provincias galegas co obxectivo de atender as necesidades destes nenos e nenas.

O acollemento familiar

O acollemento familiar, como recurso para a protección do neno e da nena, é unha posibilidade que se recoñece explicitamente na lexislación.

Todos os acollementos familiares teñen unha duración determinada, en función das necesidades e da problemática que motivou a saída do menor da súa casa. Poden ser estancias breves ou máis prolongadas no tempo.

Dende Cruz Vermella buscamos persoas que se sumen a este programa e que poidan ser a familia axeitada para os nenos e nenas que soñan vivir nun fogar.

Para iniciar un acollemento podes contactar coa Cruz Vermella e recibir máis información e resolver dúbidas; tamén facilitamos a documentación necesaria para comenzar o proceso, no que se realizará unha valoración psicosocial para estimar a idoneidade (con entrevistas e visitas a domicilio) e un curso de formación. Unha vez concluído o proceso, e concedida a idoneidade polo Servizo de Protección ao menor da Xunta de Galicia, a familia queda á espera dunha proposta de acollemento.

Solicita máis información en:

CRUZ VERMELLA

galicia@cruzroja.es - 900 812 880 ou en calquera das oficinas de Cruz Vermella.

www.acollementofamiliar.org

SERVIZO DE PROTECCIÓN DE MENORES

Edificio Administrativo San Caetano, s/n

15781 Santiago de Compostela

Tfno.: 981 544 630