Enfermidade polo virus do Ébola (EVE) - Cruz Vermella

Cruz Vermella

Web oficial da Cruz Vermella Española en Galicia

Enfermidade polo virus do Ébola (EVE)

A enfermidade polo virus do Ébola (denominada anteriormente febre hemorráxica do Ébola) é unha enfermidade grave e, a miúdo mortal, cuxa tasa de mortalidade pode chegar ó 90%. A enfermidade afecta a persoas e a primates non humanos (monos, gorilas e chimpancés).

Detectouse por primeira vez en 1976 en dous brotes simultáneos, nunha aldea perto do río Ébola, na República Democrática do Congo, e nunha zona remota do Sudán.

Non se coñece a orixe do virus do Ébola, pero as probas científicas dispoñibles apuntan que os morcegos frugívoros (familia Pteropodidae) son o seu hóspede máis probable.

Como se infectan as persoas co virus

No actual brote en África Occidental, a maioría dos casos en humanos son debidos á transmisión de persoa a persoa.

A infección prodúcese por contacto directo, a través das membranas mucosas ou de solucións de continuidade da pel, co sangue ou outros líquidos ou secrecións corporais (feces, ouriños, saliva, seme) de persoas infectadas. Tamén pode producirse cando as solucións de continuidade da pel ou as membranas mucosas dunha persoa sa entran en contacto con ámbitos contaminados polos líquidos infecciosos dun paciente co virus do Ébola, como pezas de vestir, roupa de cama sucias ou agullas usadas.

As persoas que poidan presentar síntomas de EVE deben buscar tratamento nun hospital ou centro terapéutico que dispoña de persoal médico e de enfermaría cualificado e equipado para tratar a este tipo de pacientes.

Cando buscar atención médica?

Se tes estado nunha zona con casos confirmados de enfermidade polo virus do Ébola ou en contacto cunha persoa presuntamente infectada ou cuxa infección se confirmase. 

A enfermidade adoita manifestarse coa aparición súbita de febre, debilidade intensa, dores musculares, de cabeza ou garganta, síntomas que van seguidos de vómitos, diarrea, erupcións cutáneas, disfunción renal e hepática e, nalgúns casos, hemorraxias internas e externas.

O período de incubación (o intervalo dende a infección á aparición dos síntomas) oscila entre 2 e 21 días. O virus é contaxioso dende o momento en que empezan a manifestarse os síntomas. Non se contaxia durante o período de incubación.

As infeccións da enfermidade polo virus do Ébola soamente poden confirmarse mediante probas de laboratorio.

Fonte da información: Organización Mundial da Saúde (www.who.int)