Avós e avoas educadores - Cruz Vermella

Cruz Vermella

Web oficial da Cruz Vermella Española en Galicia

Avós e avoas educadores

O programa de Avós e Avoas Educadores é unha iniciativa dirixida a maiores de 60 anos que teñen ao seu cargo a educación dos seus netos, durante toda a xornada ou unha parte significativa da mesma. Xorde para ofrecer un servizo de soporte psicosocial a persoas maiores que exercen funcións parentales de educación e crianza de menores.

Trátase de fomentar o benestar dos nenos apoiando aos avós e avoas na súa función educativa e, por outra banda, de recoñecer o papel dos maiores na conciliación da vida familiar e laboral poñendo en valor todo o que fan ben e merece a pena ser compartido.

O programa estrutúrase en tres fases: Escolas de Avós e Avoas Educadores, Grupos de Axuda Mutua (GAM) e Atención Individualizada.

Escolas de Avós e Avoas Educadores

Os participantes, a través dunha metodoloxía participativa, traballan en grupo habilidades específicas centradas no manexo efectivo das principais situacións cotiás que se producen na educación de menores, con especial atención aos cambios que se rexistran cando estes chegan á adolescencia. Trátase de axudar e orientar aos avós neste novo proceso educativo aproveitando a súa experiencia previa como pais e nais.

A programación tipo de cada escola consta de dez sesións de periodicidade semanal. Nesta fase reflexiónase sobre o papel dos avós na educación dos netos e trátanse temas como: técnicas de autocuidado e vida saudable, análise dos distintos modelos educativos, técnicas de resolución de conflitos, habilidades de comunicación, novas tecnoloxías, acoso escolar…

Grupos de Axuda Mutua 

Os participantes que o desexen poden continuar reflexionando e compartindo experiencias en forma de Grupo de Axuda Mutua (GAM). Nesta fase as avoas e avós escollen aqueles temas sobre os que queren profundar máis ou ben outros novos que lles parecen interesantes e queren abordar.

Estes grupos reúnense coa frecuencia que estimen oportuna e sempre contan co apoio de Cruz Vermella.

Atención Individualizada

De maneira paralela ás dúas fases anteriores, os técnicos responsables do programa realizarán entrevistas personalizadas para ofrecer un apoio adaptado ás necesidades concretas de cada familia.

Actividades interxeracionais e servizo de respiro

Na fase de Escolas tamén se realizan actividades interxeracionais nas que se xuntan avós e netos e que tamén están abertas á participación de pais e nais.

Ao mesmo tempo que se desenvolven os grupos educativos con persoas maiores, ofrécese un servizo de respiro para que os maiores poidan participar nas sesións grupales mentres que os máis pequenos realizan actividades lúdico-educativas.

Localidades

Actualmente o programa desenvólvese na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo co financiamento da Xunta de Galicia. Púxose en marcha no outono de 2016 e, dada a boa acollida que tivo entre os maiores, séguense celebrando novas edicións.

Por outra banda, este proxecto leva a cabo de maneira similar en Carballo, neste caso mediante unha subvención do Ministerio de Sanidade e Política Social.