A guerra non é un xogo - Cruz Vermella

Cruz Vermella

Web oficial da Cruz Vermella Española en Galicia

A guerra non é un xogo

A guerra non é un xogo é unha campaña de Cruz Vermella Xuventude centrada na sensibilización e concienciación sobre a realidade dos nenos e nenas soldado. Na actualidade, os dereitos destes nenos están a ser sistematicamente vulnerados e son miles os que morren ou quedan marcados física ou psicoloxicamente.

Algúns dos obxectivos desta iniciativa son dar a coñecer as consecuencias que teñen os conflitos armados sobre a infancia e promover a educación para a paz, a tolerancia e os valores humanitarios.

O Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella leva a cabo un importante labor de asistencia á infancia afectada polos conflitos.

Os conflictos armados

A infancia vese afectada directamente polos conflitos armados ou polas consecuencias duradeiras que estes deixan na súa comunidade. Os nenos e nenas convértense nas vítimas principais dos conflitos armados actuais nun dobre sentido:

  • porque son vítimas ou testemuñas de atrocidades.
  • porque son forzados a facerse soldados.

Os nenos soldado

Un neno ou nena soldado é toda persoa menor de 18 anos que forma parte dunha forza ou grupo armado, regular ou irregular, con independencia dos labores que desempeñe. Inclúense tamén nesta categoría as nenas que son recrutadas con fins sexuais ou coa obriga de casar.

O recrutamento

Recrutar nenos soldado é unha práctica habitual en moitos conflitos. Poden ser secuestrados na rúa ou no colexio, ou ben son forzados ao saír da casa a punta de pistola. Nalgúns casos, os menores únense ás forzas do exército ou a milicia de forma “voluntaria”, motivados pola desintegración das familias, as condicións de pobreza e o derrubamento dos servizos sociais básicos a causa do conflito.

Nenos VS Adultos

Os grupos armados prefiren recrutar nenos e nenas en lugar de adultos polas seguintes causas:

  • son doadamente manipulables.
  • son obedientes e non se queixan.
  • son prescindibles e por iso adoitan ir diante nos campos de minas.
  • teñen máis enerxía.
  • por tamaño e axilidade.

Que fan: 

A vida dos nenos e nenas soldado é sumamente dura e perigosa. Son utilizados como:

  • espías e mensaxeiros.
  • combatentes con armas.
  • serventes e cociñeiros.
  • escravos sexuais.

Unha das misións que lles encomendan é colocar e retirar minas antipersoa.

A situación das nenas

A situación das nenas nos conflitos é un problema ao que hai que prestar maior atención. O risco potencial de violencia, abuso e explotación sexual aumenta nos conflitos armados. Non obstante, en moitas ocasións, os programas para desmobilizar e reintegrar aos nenos soldado non teñen en conta as necesidades das mulleres e algúns non permiten a súa participación.

Un elevado CUSTO PERSOAL

O custo persoal que deben pagar os nenos e nenas soldado é moi elevado:

  • traumatizados pola experiencia vivida. A moitos séguenlles asediando os recordos dos abusos e torturas que sufriron, presenciaron ou que os obrigaron a cometer.
  • mutilados ou con feridas graves.
  • durante a formación militar, para endurecelos, obríganos a asasinar amigos e familiares baixo ameaza de morte.