> Cruz Vermella busca empresas abertas á diversidade

No Plan de Emprego de Cruz Vermella buscamos empresarios e empresarias que aposten pola diversidade. Para eles e para o conxunto da sociedade vai dirixido o noso proxecto Empresa Aberta. Queremos manter unha comunicación fluída co empresariado socialmente responsable e coa cidadanía que convive coas persoas inmigrantes que están xa a contribuír no desenvolvemento de Galicia. Impulsamos, así mesmo, a igualdade no emprego e a conciliación familiar e laboral para implicar o empresariado nunha comunidade social cada vez máis xusta e solidaria e facelo partícipe da realidade das mulleres traballadoras.


Boletín sociolaboral Empresa Aberta

Así, Empresa Aberta comezou en 2006 coa edición do primeiro boletín de información sociolaboral. Unha revista bimensual na que incluímos novidades sobre contratación, entrevistas, páxinas web, publicacións e calquera outro tema que sexa de interese para os empregadores.




A inmigración na prensa galega

Como parte do noso traballo, investigamos tamén como inflúen os medios de comunicación na opinión pública e na conformación de estereotipos respecto do fenómeno migratorio. Este estudo naceu grazas á colaboración da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo e, a través del, queremos que sexan os propios xornalistas e futuros xornalistas os que compartan con nós a súa perspectiva sobre a emigración e o retorno.

Froito deste traballo é a publicación A inmigración na prensa galega. O reflexo da diversidade.


Encontro con institucións

Ao longo do primeiro semestre de 2006, o Plan de Emprego organizou encontros con 40 institucións e entidades que traballan na inserción laboral de inmigrantes na Coruña, Burela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Verín e Vigo. Nestas reunións compartimos a necesidade de eliminar os estereotipos que van ligados a determinadas orixes e que dificultan o acceso ao traballo de persoas cualificadas.

As mensaxes que conforman a campaña Buscan a súa oportunidade, tela ti?, e que se difundiron en radio no último cuadrimestre de 2006, e en soporte papel, son o resultado desta colaboración conxunta.


Grupos de traballo co empresariado

Ao longo de 2007, o Plan de Emprego está a organizar grupos de debate co empresariado para coñecer mellor a nosa forma de traballo, establecer unha metodoloxía común e buscar puntos de encontro para que as persoas participantes da nosa bolsa de emprego atopen un posto en igualdade de condicións.