> Plan de Emprego
O Plan de Emprego de Cruz Vermella traballa pola incorporación no mercado laboral en igualdade de condicións das persoas con máis dificultades, asumindo un compromiso na loita contra a discriminación que afecta a determinados colectivos.
O noso servizo dispón dunha bolsa de emprego cualificada á disposición do empregador ou empregadora, para cubrir as súas ofertas cos perfís máis adecuados. Persoal especializado e voluntariado traballan da man pola inclusión social, partindo dun profundo coñecemento do contorno e conscientes de que o emprego incide na autonomía, calidade de vida e dignidade das persoas.
> Que ofrecemos?
Para as persoas que queren traballar:
Ofrecémoslle asesoramento personalizado na busca de emprego, titoría no seu proceso de inserción social e unha formación axustada ás súas cualidades e á demanda do mercado. Así, antes de acceder a unha oferta de emprego, a persoa participante segue un itinerario personalizado que facilite a súa incorporación a un cadro de persoal.
Para as empresas que necesitan persoal:
No Plan de Emprego, o empresariado galego recibe un servizo eficaz, sen custos e solidario. As empresas atopan a través de Cruz Vermella traballadores/as formados, asesoramento na contratación, información xeral sobre emprego e un seguimento personalizado do traballador ou traballadora unha vez no posto. O empresariado pode, ademais, acoller prácticas de cursos que, deseñados en común, lles permitan ás persoas desempregadas adquirir ou actualizar as súas destrezas profesionais.
> O noso sistema de calidade
O Plan de Emprego ten un sistema de calidade propio para acadar a máxima satisfacción das persoas usuarias e doutras partes implicadas, unha mellora continua, unha máxima rendibilidade social, un desenvolvemento metodolóxico baseado nun enfoque por procesos e un compromiso ético-ambiental da nosa xestión.
> Os Espazos de Busca Activa de Emprego
Os Espazos de Busca Activa de Emprego (EBAE) son aulas equipadas con medios técnicos para que as persoas usuarias poidan preparar a súa candidatura a unha oferta de traballo, subscribirse a ela e facer un seguimento desta, así como achegarse ás novas tecnoloxías da información. Os EBAE están dinamizados por persoas voluntarias de Cruz Vermella.