Cruz Vermella

Web oficial da Cruz Vermella Española en Galicia

Infancia e xuventude

Acollemento familiar

Desenvolvido dende hai mais de quince anos, é un programa público da Xunta de Galicia, no que xestionamos a captación, formación e seguemento das familias que queren acoller no seu fogar a un menor debido a calquer situación que impida a súa estancia coa familia biolóxica e en tanto se mantén esta situación. Podes ter máis información do acollemento familiar na nosa web www.acollementofamiliar.org.

Prevención e promoción da calidade de vida infantil

Accións dirixidas á mellora da calidade de vida dos nenos e nenas e que inciden dende unha perspectiva de educación non formal nos factores de risco asociados ao proceso de desenvolvemento, centrando a intervención tanto no propio neno como no seu contorno inmediato (comunidade, escola...). Lévanse a cabo conxuntamente con Cruz Vermella Xuventude e traballando, sobre todo, aspectos relacionados coa educación para a saúde, a convivencia e o respecto ao medio ambiente.

Primera Infancia

Servizos complementarios ao contexto formal de atención educativa de 0-3 anos que posibilitan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral para colectivos vulnerables, buscando fórmulas que se basen na participación do voluntariado e a comunidade. Dispoñemos de ludotecas e divertecas para posibilitar o ocio dos menores en tanto aos seus pais asistan á formación ou actividades de Cruz Vermella.

Infancia en situación de desamparo ou risco social

Accións que abordan as consecuencias derivadas de situacións de desprotección ou maltrato familiar de nenos, nenas e xente nova. Os proxectos contemplan diversas formas de acollida nas que tamén os preparamos para a vida autónoma na maioría de idade. 

Infancia en conflicto social

Levamos a cabo unha acción socioeducativa en medio aberto con nenos e xente nova baixo medidas de responsabilidade penal: servizos en beneficio da comunidade, tarefas educativas, xestión de equipos de medio aberto ou unidades de intervención educativa, mediación e reparación extraxudicial e proxectos con menores que exercen violencia intrafamiliar.

Intervención con familias en dificultade social

Accións orientadas a ofrecer un soporte socioeducativo ás familias: intervención con nenos e familias en dificultade social, centros abertos, avós e avoas educadores, puntos de encontro familiar, servizos de soporte ás familias...