Pode presentar a súa solicitude para formar parte do proxecto calquera familia, monoparental ou non, con independencia do estado civil dos seus membros, do número de fillos e fillas ou da condición social. Só será preciso que a persoa, parella ou familia, de xeito consensuado e responsable e tras ser valorada como idónea polo Equipo Técnico de Menores da Xunta de Galicia, estea disposta a ofrecer termporalmente o seu fogar e o seu contorno a un neno, nena ou adolescente.


As persoas interesadas deberán presentar unha solicitude e inscribirse no Rexistro de Acollemento Familiar. Para isto, deben acudir ao Departamento Territorial da Secretaría Xeral de Familia e Benestar da Xunta de Galicia.

As familias acolledoras están, en todo momento, apoiadas e asesoradas polos equipos técnicos de Cruz Vermella, compostos por psicólogas e traballadoras sociais. Estes equipos analizan e fan o seguimento de cada caso e buscan a familia máis adecuada para cada menor.

Así mesmo, proporciónanlles ás familias a formación necesaria e realizan un seguimento continuo de cada acollemento. Ademáis, a Xunta de Galicia aporta unha axuda económica mensual para reducir o custo que o acollemento constitúe nas familias.


Periodicamente organízanse xornadas formativas, ocasións que lles proporcionan ás familias acolledoras a oportunidade de compartir vivencias, contrastar ideas e sensibilizarse sobre o tema.